miércoles, 22 de noviembre de 2006

Os cartos públicos pagaron máis da metade publicidade no primeiro número da edición galega de El País

A edición galega da cabeceira El País saíu a rúa o mércores 22 de novembro cun especial de 88 follas. Destas, 19,25 páxinas eran de publicidade institucional. Isto significa que case o 60% do total dos incluídos neste número foi sufragada con cartos públicos.

Entre os anunciantes destaca o volume contratado polas administracións controladas polo PSdG e o PSOE. En total as consellerías, concellos, deputacións e autoridades portuarias controladas polos socialistas contrataron máis da metade da publicidade pública (11 páxinas), por só 3 páxinas e media das administracións dominadas polo Bloque. Menor foi a achega dos organismos do PPdG, que só pagaron unha páxina e un cuarto.


Cómpre sinalar que na suma do 60% de publicidade institucional inclúense os anuncios pagados por entes nos que tamén participa capital privado, pero que están fortemente vencellados ás administracións e, polo tanto, ós partidos políticos(Consorcio da Zona Franca, Compostur, Mellixón de Galicia, Consorcio de Santiago). Estes organismos, xunto coa Universidade de Vigo e a Universidade de Santiago, publicaron publicidade un total de 5 páxinas e media.

Pola banda dos nacionalistas, sorprende a ausencia de publicidade contratada pola Vicepresidencia de Anxo Quintana, que non pagou nen un módulo. A Consellería de Industria de Fernando Blanco (2 follas a través de INEGA e Turgalicia), o Concello de Pontevedra e a Consellería de Cultura son os organismos gobernados polo BNG que contribuíron o financiamento deste número.

As empresas contrataron 13 páxinas e un cuarto, pouco máis do 40% da publicidade. Entre elas figuran tres compañías vencelladas ó negocio inmobiliario (Fadesa, Urbis e Pedrouzo). El País publica unha reportaxe a dúas páxinas sobre o boom urbanístico na costa galega.

A título de curiosidade sinalar a páxina impar a cor contratada polo goberno socialista de Castilla La Mancha para dar a coñecer os seus queixos.